Wednesday 01 de May de 2024

Constitúese a Comisión Asesora de Publicidade non sexista no marco do observatorio galego da violencia de xénero


Crease coa finalidade de eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar nas actividades das entidades, asociacións e axentes publicitarios accións positivas que cooperen á súa erradicación

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella presidiu a constitución da Comisión Asesora da Publicidade Non Sexista no marco do Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

Segundo destacou López Abella, esta Comisión Asesora crease coa finalidade de eliminar o sexismo nas mensaxes publicitarias e incorporar nas actividades das entidades, asociacións e axentes publicitarios accións positivas que cooperen á devandita erradicación.

Dando cumprimento ao Decreto 57/2012, do 5 de xullo de 2012, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación, hoxe púxose en marcha a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista.

A Comisión dependera do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e o seu obxecto fundamentalmente será velar pola erradicación do sexismo nas mensaxes publicitarias e pola implantación de accións que favorezan a eliminación da discriminación por razón de sexo entre as persoas; atender as peticións de asesoramento que se remitan, facilitando criterios e alternativas co fin de evitar o sexismo na publicidade; servir de vía para canalizar e orientar as queixas que se reciban sobre publicidade sexista, de acordo co establecido na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, e difundir a información obtida co fin de fomentar o rexeitamento social ao tratamento discriminatorio ás mulleres a través da comunicación mediática.

Composición da Comisión
Como presidenta da Comisión actuará a subdirectora xeral para o tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste; coa vicepresidenta, a xefa de servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, Begoña Sieiro e coma vogais, por parte da Secretaria Xeral de Medios da Xunta, Mª Jesús Díaz; por parte da CRTVG, María Lozano; por parte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Natalia Sequeiro, e por parte das Axencias de Publicidade, María Luisa Undabeitia. Na Comisión actuará coma secretario, o xefe de servizo de Apoio Técnico-Administrativo da Secretaria Xeral de Igualdade, Xesús do Río.

Observatorio Galego da Violencia de Xénero
O Observatorio é un órgano previsto na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e encargarase do estudo, avaliación e seguimento das políticas contra esta lacra que se desenvolvan en Galicia. Constituíuse o pasado mes de maio nun acto que estivo presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Este órgano traballa en contra a violencia de xénero desde unha perspectiva integral, que engloba todos os ámbitos de actuación. Así, están representados nel as consellerías da Xunta, delegación do Goberno, Poder Xudicial, a Fegamp, sindicatos e Televisión de Galicia, entre outros entes.

Un dos eixos fundamentais do traballo do Observatorio é a prevención de todo tipo de violencia machista. Por iso terá entre as súas encomendas analizar as medias que se están a levar a cabo na materia, propoñer iniciativas para mellorar a situación, reforzar a cooperación entre administracións e vixiar e denunciar que non haxa discriminación sexual na publicidade.